“Ninguén pode negar que a comunicación, a política, o márketing ou as artes non teñen que ver coa atención, a percepción, a emoción e os sentimentos. Non hai avance científico que non implique un avance social nin experimento sen persoas que o leven a cabo”, sostén o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xosé Rúas, coautor, xunto ao profesor de Bioloxía e Xeoloxía no IES Carpe Diem de Colmenar de la Oreja (Madrid) Francisco Javier García, de Persuasión y neurociencias. Apelar al cerebro, un libro que avoga precisamente pola “interdisciplinariedade das ciencias”. Publicado pola editorial Comunicación Social, o libro presentado este xoves pola noite no Centro Galego de Madrid propón por unha banda un achegamento á estrutura e funcionamento do cerebro para logo abordar o que a investigación sobre o funcionamento do cerebro pode achegar a campos de estudo como a creatividade, a publicidade e o márketing ou a política.
Como un “libro ameno que nos descubre as relacións entre a estrutura do cerebro e a acción comunicativa que apela, precisamente, ás bases biolóxicas do comportamento humano”, presentan os seus autores unha publicación que aborda a conexión da neurociencia con diversas disciplinas. Un libro que, como explica Rúas, é “froito da discusión” entre unha persoa do ámbito das ciencias, como é García Sanz, e un investigador do ámbito da comunicación. “Este libro defende a comunicación como unha necesidade biolóxica e evolutiva, queremos sobre todo que sexa un libro que fomente a discusión pública”, salienta este docente dunha publicación que, indo máis aló da necesidade humana de comunicar, defende “a necesidade biolóxica de comunicar, é dicir, que o noso cerebro está preparado para interactuar e comunicarse cos demais”.