Nas instalacións do antigo fogar provincial da rúa Sierra iniciou a súa andaina, no curso 1994-1995, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. 25 anos despois, o centro do campus pontevedrés mira cara atrás para rememorar un cuarto de século marcado polo “esforzo por contribuír á formación de profesionais da comunicación e da xestión desde unha perspectiva multidisciplinar que os capacite para un mercado laboral en constante evolución”. Así o puxo de relevo o decano, Xosé Baamonde, no acto institucional que este mediodía abriu a semana grande desta conmemoración, un acto presidido polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, no que participaron oito dos decanos e decanas cos que contou o centro nestes 25 anos e no que se lle impuxo a insignia da facultade ao catedrático emérito da Universidad Complutense de Madrid Enrique Bustamante.
No curso 1994-1995, lembrou Baamonde, Ciencias Sociais e da Comunicación “comezou a súa andaina” coa posta en marcha da titulación de Publicidade e Relacións Públicas, “previamente deseñada polo decano-comisario Alejandro Pizarroso Quintero”. Con Manuel Fernández Areal como primeiro decano, o centro comezou unha traxectoria de formación de “comunicadores polivalentes, que era como el os definía”, á que en 1999 se sumaron os estudos de Dirección e Xestión Pública e, en 2003, os de Comunicación Audiovisual, complementados a actualidade por “tres mestrados que permiten unha maior especialización nestes ámbitos”, lembrou Baamonde.