A responsabilidade social dos deportistas de alto nivel centra a primeira tese do Campus Crea

Javier Abuín, primeiro doutor en Creatividade e Innovacción Social e Sustentable

Nacido en 2017 ao abeiro do proxecto de especialización do Campus Crea, o Programa de Doutoramento en Creatividade, Innovación Social e Sustentable busca promover investigacións de carácter interdisciplinar, que vinculen diferentes áreas de análise. Comunicación e deporte foron os dous ámbitos en torno aos que Javier Abuín articulou a súa tese de doutoramento, que na tarde deste mércores defendía de xeito virtual diante do tribunal. A primeira tese saída do doutoramento do Campus Crea analiza as motivacións e a comunicación das accións de responsabilidade social das e os deportistas españois de alto nivel e constata, como explica o seu autor, que a pesares de que a maioría participa en iniciativas de carácter solidario, as e os deportistas de alto nivel “teñen un amplo descoñecemento do que é a responsabilidade social”.

A investigación comprendeu así mesmo unha análise da comunicación que as e os deportistas realizaban deste tipo de iniciativas a través das redes sociais, na que Abuín Penas puido detectar unha serie de eivas como a falta de interacción, que contribuían a que súas mensaxes non fosen “todo o efectivas que poderían ser”. Os deportistas, sinala, “son admirados por gran parte da sociedade e tomados como modelos ou incluso ídolos”, o que implica que “todas as súas accións teñan un grande impacto e repercusión, tanto nos medios tradicionais como agora nas redes sociais”. Graduado en Publicidade e Relacións Públicas, o investigador desenvolveu a súa tese A responsabilidade social e a súa comunicación nos deportistas de alto nivel baixo a dirección da profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Mabel Míguel, tendo como codirectora á docente da Facultade Ciencias da Educación e do Deporte María José Martínez Patiño.

Ler a nova completa no DUVI