Investigadores de Galicia e Brasil analizan como Instagram retratou o inicio da pandemia

Foto: Jirapong - stock.adobe.com

Rúas completamente desertas, aplausos desde os balcóns, estantes baleiros nos supermercados… A pandemia provocada pola covid-19 deu lugar a unha longa serie de imaxes nunca vistas que milleiros de persoas trasladaron ás redes sociais e que constitúen o eixo do estudo que levan a cabo catro investigadores e investigadoras da Universidade Estadual Paulista (Unesp) e das universidades de Vigo, A Coruña e Brasilia. Coordinado polo fotógrafo e profesor da Unesp Denís Renó, o proxecto no que participa o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán céntrase na análise das 100.000 publicacións con maior número de interaccións en Instagram, difundidas en español e portugués entre marzo e maio de 2020 e que contiñan as palabras ‘covid’ ou ‘coronavirus’. Deste xeito, esta investigación financiada polo goberno do Brasil busca coñecer como a cidadanía reflexionou e opinou sobre o inicio da pandemia da covid-19, así como afondar nos efectos da fotografía, que ocupa un papel central nesta rede social, “na construción do coñecemento colectivo sobre a covid-19 no Brasil e en España”.

A profesora da Universidade da Coruña Teresa Piñeiro e a investigadora da Universidade de Brasilia Andrea Versuti completan o equipo de traballo deste proxecto, un dos 90 seleccionados, de entre máis de 2200 propostas, na convocatoria de investigacións sobre a covid-19 impulsada polo Consello Nacional de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico e o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía do Brasil. De feito, o proxecto Educar e informar: a fotografía nos procesos comunicacionais vía Instagram sobre a covid-19 foi un dos tres estudos da área de comunicación que obtiveron financiamento na convocatoria impulsada o pasado ano polo goberno brasileiro. “É un proxecto moi interesante, no que hai moitas cuestións que se poden analizar”, recoñece Martínez Rolán, que destaca o carácter “multidisciplinar” do equipo investigador, xa que tanto Renó como Versuti son “expertos en análise visual”, mentres que Piñeiro “é a especialista do grupo no referido á estudos de xénero e comunicación sonora”, un aspecto relevante, lembra, á hora de abordar as stories desta rede social.

Ler a nova completa no DUVI