DESENVOLVERON UNHA PRIMEIRA FASE, QUE O LUNS DAN A COÑECER EN TWITCH
Merlo é o título do proxecto de videoxogo que un grupo de estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación desenvolveu ao longo deste cuadrimestre no marco dunha iniciativa do grupo de innovación docente ComTecArt. Do mesmo xeito, Merlo é tamén o nome da vila na que a escritora Ledicia Costas ambientou a súa novela Infamia, fonte de inspiración do proxecto de xogo ideado por nove estudantes. Estes desenvolveron tamén unha primeira fase que o pasado mércores presentaron aos docentes responsables da actividade e ao profesional da industria dos videoxogos Pablo Monroy e que este luns darán a coñecer a través da canle de Twitch do grupo ComTecArt.
Como explica estudante de Comunicación Audiovisual Uxía Seijas, Merlo é un “videoxogo en primeira persoa” que abrangue á súa vez “dous tipos de xogos distintos, os de misterio e os de sixilo e infiltración”. Nese senso, a súa proposta varía as mecánicas “dependendo do momento do día” no que se atope a súa protagonista, de tal xeito que nun horario diúrno, esta ten que “investigar acerca do misterio” que propón a novela de Costas, a desaparición de dúas nenas 25 anos antes, na que a protagonista da historia decide indagar á súa chegada á vila. No xogo, “isto faino a través das misións que se lle propoñen e das conversas cos personaxes non xogadores”, explica Seijas. Mais, cando se fai de noite, as súas dinámicas achéganse as dun “xogo de infiltración”, no que a personaxe “ten que escapar duns inimigos, que son as sombras do seu pasado e persoas que están de certa forma implicadas na desaparición das nenas, á vez que trata de conseguir pistas”.