As estadías que, ao longo dos últimos anos, o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Alberto Pena realizou en universidades como Harvard, Brown, ou Massachusetts Dartmouth, permitíronlle constatar como, desde finais do século XIX, a inmigración portuguesa nos Estados Unidos promoveu a fundación de polo menos 167 publicacións impresas de diferentes periodicidades e formatos, tanto xornais, como semanarios ou magazines. Os resultados destes anos de pescuda en múltiples arquivos reúnense agora en News on the American Dream. A History of the Portuguese Press in United States, o primeiro libro que traza un percorrido pola historia da prensa “feita por portugueses, para portugueses e en portugués” nos Estados Unidos, publicado por Tagus Press, a editora da University of Massachusetts para estudios científicos sobre temas lusófonos.
O libro constrúe “un mapa de todos os xornais que foi fundando” ata en dez estados diferentes a numerosa comunidade portuguesa existente neste país, explica Pena, que hai uns días era nomeado director da nova sección de Historia da Comunicación Social, da Asociación Española de Investigación en Comunicación (AE-IC). “Para min, humildemente, é un fito”, recoñece o investigador do campus pontevedrés do feito de que os resultados dun traballo “desenvolvido ao longo de varios anos vexa a luz coa editora dunha das universidades públicas de referencia nos Estados Unidos”. As orixes da investigación que deu lugar a este libro remóntanse a 2012, cando realizou unha primeira estadía na Brown University, co propósito de realizar “simplemente un estudo panorámico sobre a significación dos medios portugueses nos Estados Unidos”. Mais, “a medida que fun escarvando fun vendo que aquilo tiña moita profundidade, que había moitos periódicos e unha longa historia detrás”, salienta o docente, que, en 2013, traballou como visiting scholar nas universidades de Harvard e California Berkeley, e ocupou por concurso a prestixiosa cátedra Hélio & Amélia Pedroso/Luso-American Foundation Endowed Chair de estudos portugueses en Massachusetts-Dartmouth. Posteriormente, en 2017, desenvolveu unha nova liña de investigación relacionada coa prensa e a propaganda salazarista e antisalazarista nos Estados Unidos, ao tempo que impartía un curso de na Brown University, universidade do selecto club da Ivy League, onde foi distinguido como Michael Teague Visiting Professor in Portuguese & Brazilian Studies.