“Twitter revélase como un territorio hostil para as mulleres, con especial incidencia naqueles ámbitos de maior proxección pública, como a política e a comunicación, que cumpren unha función esencial nas sociedades democráticas”. Esta é unha das principais conclusións do proxecto Mulleres pontevedresas na rede. Análise do sexismo, misoxinia e discurso do odio en Twitter, que o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán e a investigadora da Universidade da Coruña Teresa Piñeiro levaron a cabo no marco da Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo. O estudo, seleccionado na convocatoria de investigación da cátedra que promoven a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, baseouse na análise das publicacións realizadas ao longo dun ano por 50 mulleres de “recoñecido prestixio na esfera pública”, 22 delas vinculadas á provincia de Pontevedra, así como das interaccións cos seus perfís dos usuarios e usuarias desta rede social. En total, Rolán e Piñeiro analizaron máis de 550.000 chíos, entre os que detectaron 62.560 que contiñan insultos e comentarios ofensivos, a meirande parte, o 96%, dirixidos a políticas e xornalistas.
“Este estudo nace da crecente preocupación polo discurso do odio e sexismo que atopamos día a dia na internet”, sinalan os investigadores no póster no que presentan as conclusións dun proxecto que se completou coa creación dunha páxina web e unha serie de podcast nos que analizan os resultados da investigación. “A diario, as usuarias de internet teñen que facer fronte a diferentes actitudes e situacións violentas só polo feito de ser mulleres”, salientan Rolán e Piñeiro, que seleccionaron para este traballo os perfís de 50 mulleres dos ámbitos da política, a comunicación, a cultura, os deportes, a ciencia e o mundo empresarial. A análise abrangueu as 41.103 publicacións propias realizadas ao longo dun ano por estas 50 profesionais e as 302.790 interaccións que se produciron cos seus perfís, así como outras 208.797 “mencións indirectas”, chíos que as nomeaban sen citar a súa conta nesta rede social.
“Os resultados son como para preocuparnos como sociedade supostamente avanzada”, salienta Martínez Rolán do detectado nesta “análise do contido da conversa social 2.0”, co propósito de estudar diferentes manifestacións de sexismo, misoxinia e discurso do odio. Nese senso, as conclusións deste estudo alertan do “sexismo imperante nos social media”, así como da “normalización do discurso do odio” nas redes sociais.