Por cuarto ano consecutivo, estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación traballaron conxuntamente no deseño dun videoxogo, desta volta inspirado no guión da longametraxe Os mortos van á présa, escrita e dirixida por Ángel de la Cruz. Fixérono no marco dunha iniciativa do grupo de innovación docente ComTecArt, que busca achegar ao alumnado de diferentes titulacións aos procesos de traballo nesta industria. Divididos en tres grupos, as e os estudantes desenvolveron conxuntamente a primeira fase dun videoxogo que esta xornada presentaron tanto De la Cruz, como a dous profesionais da industria, o compositor musical José Luis Castro e a ilustradora e desenvolvedora Olalla Ferrando.
As docentes de Ciencias Sociais e da Comunicación Beatriz Legerén, Mónica Valderrama e o profesor Luis Fernández, xunto cos docentes da EE de Telecomunicación Antonio Pena e Enrique Costa son os coordinadores dunha iniciativa na que participaron estudantes dos graos en Comunicación Audiovisual e Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, que integraban as tres “produtoras” que debían desenvolver o primeiro nivel dun xogo, así como alumnado do grao en Publicidade e Relacións Públicas, que se responsabilizou das accións de difusión seus proxectos. Os tres equipos presentaron este mércores, en CCSS e da Comunicación, os resultados deste traballo, nunha sesión á que asistiu, de xeito virtual, o gañador de tres premios Goya Ángel de la Cruz. A actividade completouse cunha serie de xuntanzas, nas que participaron Castro e Ferrando, que buscaban ser “como unha reunión con produtores, nas que tiñan que falar de que equipos poderían precisar, do financiamento…, como se fosen proxectos reais”,explica Costa.