A pregunta de se é posible empregar a intelixencia artificial xerativa para verificar información, garantindo o rigor e a perspectiva de xénero constituíu o punto de partida do estudo que integrantes do grupo de investigación Sepcom (Comunicación e Servizo Público) desenvolveron ao abeiro da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo. Coordinado polo profesor da Facultade de Comunicación Xabier Martínez Rolán este proxecto permitiu constatar que “hai un potencial na IA para utilizala como ferramenta na loita contra a desinformación”, mais tamén que nas respostas destas plataformas atópanse nesgos de xénero, “sutís pero persistentes”. A análise desenvolvida con catro plataformas, ás que se lle solicitaba información de 20 persoeiros de diferentes ámbitos, sitúa ChatGPT como a “ferramenta máis fiable” para este tipo de tarefas. Este traballo viuse complementado ademais polo desenvolvemento dunha extensión para navegadores que permite empregar a IA xerativa para “a verificación rápida de información con perspectiva de xénero”.
Realizado ao abeiro da convocatoria de axudas á investigación da cátedra que promoven a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, o proxecto Avaliación da IA xerativa na verificación de feitos sobre personalidades de Pontevedra con perspectiva de xénero foi desenvolvido polos investigadores do grupo Sepcom Mabel Míguez, Alberto Dafonte, Juan Manuel Corbacho e Xabier Martínez Rolán. Contou tamén coa participación das investigadoras Teresa Piñeiro e Laura Castro, da Universidade da Coruña, e Graciela Padilla, da Complutense de Madrid.
A partir das valoracións e opinións de 17 expertos e expertas do Campus Crea e da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo, docentes das facultades de Comunicación e Deseño traballaron no desenvolvemento dun avatar virtual con perspectiva feminista, o que acabou dando lugar á creación de Alicia e á publicación de contidos protagonizados por esta figura nas redes sociais. Desenvolvido ao abeiro da convocatoria de axudas á investigación desta cátedra promovida pola Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo, trátase dun proxecto realizado polos investigadores Javier Abuín, Diana Ramahí e Patricia Dopico. O seu obxectivo, explican, era “definir unha proposta visual e conceptual” que afastase a creación deste avatar con ferramentas de intelixencia artificial xerativa “dos canons hipersexualizados habituais na cultura dixital”, así como analizar tamén se os avatares virtuais están contribuíndo á consolidación de estereotipos de xénero.
Baixo o título de Avatares virtuais con perspectiva feminista: alternativas á hipersexualización na cultura dixital desde Pontevedra, esta investigación centrouse en primeiro termo en “documentar os riscos que a hipersexualización e os nesgos de xénero dos avatares xerados con IA supoñen para a sociedade”, a través dunha revisión dos estudos científicos sobre avatares virtuais. Estes, sinala Abuín, indican que “estes novos actores dixitais están a consolidar estereotipos de xénero e dinámicas de hipersexualización, probablemente alimentadas por bases de datos e modelos de IA saturadas de imaxes femininas sexualizadas”.
Máis aló dos coñecementos clínicos, a comunicación médico-paciente é unha das competencias clave para unha atención sanitaria de calidade, o que require que o persoal médico conte con habilidades comunicativas e capacidade de empatía. Co propósito de que as e os futuros profesionais deste eido poidan traballar estas habilidades, docentes das universidades de Vigo e Salamanca desenvolveron un novidoso proxecto de innovación docente que propón o uso de intelixencia artificial xerativa como ferramenta para adestrar estas habilidades nunha contorna simulada. Trátase dun chatbot que non só permite emular unha conversa con diferentes perfís de pacientes, senón que tamén lles achega unha avaliación sobre o seu desenvolvemento de xeito inmediato. Esta ferramenta foi deseñada por un equipo multidisciplinar de investigadores e investigadoras, dos que forma parte o profesor da Facultade de Comunicación Xabier Martínez Rolán.
A pesar de que numerosos estudos demostraron que a empatía clínica non só mellora a experiencia do paciente, senón que inflúe positivamente na adherencia aos tratamentos e na precisión diagnóstica, o desenvolvemento sistemático destas habilidades de comunicación e empatía segue sendo un dos grandes retos na formación médica, destacan desde a Universidad de Salamanca (Usal). Nese senso, este proxecto permite ao estudantado “practicar as súas habilidades comunicativas de forma repetida, segura e personalizada, creando situacións clínicas simuladas, con avaliación e feedback inmediato”, sinala o director deste proxecto, Carlos Montilla, profesor do Departamento de Medicina da Usal e reumatólogo no Hospital Clínico Universitario de Salamanca.